A Fundación López Abente prepara os actos do Cincuentenario do falecemento do autor

A entidade traballa tamén nunha homenaxe a Rosalía de Castro | 1/21/2013

O pasado sábado, 19 de xaneiro, a Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente reuniuse para ir pechando a organización dos actos que terán lugar nos vindeiros meses.

 

O Plan de Actuación da Fundación para o 2013 inclúe diversas actuacións de importancia, e xa se está traballando neles.

Hai actividades de grande relevancia como é a homenaxe a Rosalía de Castro, que terá lugar o día 2 de marzo e que consistirá na inauguración dunha placa no lugar onde estivo ubicada a casa na que se aloxou Rosalía na súa estadía en Muxía, cando acompañada por Eduarda Pondal (irmá do bardo pontecesán) acudíu a Romaría da Barca, no ano 1853. Haberá lectura de poemas por parte de escolares do municipio e a continuación unha conferencia de Manuel Vilar, sobre a relación de Rosalía e Muxía e de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que deste xeito participará nos actos.

Con estes actos a Fundación Gonzalo López Abente quere poñer en valor a relación que Rosalía tivo con Muxía e a pegada que a súa estadía deixou na poeta e na súa obra.

Outros actos que están xa en preparación son os que se centrarán na conmemoración do cincuentenario da morte de Gonzalo López Abente, que terán lugar o 20 de xullo con conferencias, actuacións musicais e a presentación da publicación da Obra Poética Completa, que está rematando de preparar o escritor e membro da Comisión Executiva, Miro Villar.

Tamén no presente ano será publicada a unidade didáctica sobre López Abente que preparou Xan Fernández e que levará ao autor aos centros educativos, e está en preparación outro proxecto no que traballará X. H. Rivadulla Corcón para achegar a figura e obra de López Abente aos máis pequenos.


Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada