Muxía recuperou á Rosalía de Castro máis ceiba

A Fundación López Abente e a Fundación Rosalía de Castro conmemoraron os 150 anos da publicación de "Cantares Gallegos" | 3/ 4/2013

Os Presidentes das fundacions de Lopez Abente e Rosalia destapando a placa conmemorativa

Este pasado sábado dende a Fundación López Abente rendemos sentida homenaxe a Rosalía de Castro para celebrar os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.

Foi un acto moi emotivo, onde recuperamos memoria de esa moza Rosalía de Castro, que con 16 anos chegou ata Muxía e chegou - en palabras de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía- como unha muller ceiba, ela soa con Eduarda Pondal, probablemente a cabalo, nunha época na que, como nos contaba Manuel Vilar na súa conferencia, as mulleres que vivían soas non eran ben vistas e hai documentación da época na que se lles aconsella que vivan con seus pais, ainda que sexan adultas ou vellas, se non teñen home.

Nesa época unha moza de 16 anos, culta e rebelde, chega á Romaría da Barca, sen máis acompañamento que a súa amiga Eduarda, e nesta Romaría queda prendada de todas esas mulleres que logo descrebe no poema á Nosa Señora da Barca, precisamente en Cantares Gallegos, esas mulleres humildes e fermosas que chegan á Romaría da Barca a disfrutar e bailar. Un poema no que -como nos expricou Anxo Angueira- Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de froles que son as fermosas mulleres galegas, mulleres libres para disfrutar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran nesta Romaría da Barca.

Emotivos actos

Os pequenos muxians lendo a Rosalia con Viki Rivadulla

Os actos comezaron coa colocación da placa conmemorativa no lugar onde estaba a casa na que Rosalía se aloxou. Unha placa que polo de pronto quea situada de xeito provisional xa que o edificio está en plenas obras.

No simbólico lugar falaron alí o presidente da Fundación GLA, Félix Porto e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Ademais, a secretaria da FGLA, Viki Rivadulla presentou aos nenos e nenas dos centros educativos de Muxía, que leron poemas de Rosalía. Tamén fixo entrega a Antonio Paz,- propietario do establecemento de hostalería que está hoxe no lugar onde estaba a casa- dun pergamiño conmemorativo para poñer no interior do seu establecemento.

Posteriormente, outro membro da Fundación, Rivadulla Corcón, presentou, no Salón de Actos as conferencias sobre Rosalía. Manuel Vilar ofreceu na súa conferencia unha visión moi documentada da Muxía da época, mentres que Anxo Angueira amosounos a verdadeira Rosalía, a muller libre que foi quen de converterse na nosa poeta, a poeta nacional galega e expricou o sentido do proxecto de dignificación nacional que Rosalía inicia en Cantares Gallegos, do que celebramos 150 anos da súa publicación.

 



Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada