O orixinal "Os días Condenador. Fragmentos para un devocionario” gañador do II Premio de Poesía Gonzalo López Abente

O autor galardonado nesta edición é Laureano Xoaquín Araújo Cardalda | 7/22/2014

A Fundación Gonzalo López Abente, comunica que o día 11 de xullo do 2014,se reuniu o xurado do II Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.

O xurado estivo composto polos poetas María Canosa, María Lado e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado OS DÍAS CONDENADOS. FRAGMENTOS PARA UN DEVOCIONARIO, que resultou ser da autoría de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.

Na acta do fallo, o xurado salienta a estrutura e forma do libro, un contido fresco e versos con moito simbolismo. Destaca así mesmo o ritmo da composición e que o libro ten un fío condutor consistente, e iso facilita a lectura.

O premio foi entregado o día 19 de Xullo dentro nun acto que se abrirá coa actuación do grupo de Pandereteiras Abaladeiras de Muxía, a continuación impartirá unha conferencia o escritor e patrón da Fundación Xosé Luís Méndez Ferrín, sobre a obra de Gonzalo López Abente, que será presentado por X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente da Fundación. Continuará coa entrega do premio na que participaran Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Felix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, e María Canosa e María Lado en representación do xurado. Pecharase o acto coa actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca de Muxía.

O premiado Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, recibirá como premio a cantidade de 2.000 € , ademáis dunha escultura da artista Viki Rivadulla, secretaria de Fundación. O libro será editado por Edicións Xerais de Galicia.

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda (Berna – Suíza 1964) é profesor de Alemán de ensino secundario en Santiago de Compostela. Tradutor, tendo traducido ao galego entre outras obras A morte en Venecia de Thomas Mann e Opinións dun pallaso de Heinrich Böll. É doutor en ciencia política e licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. E ten publicado e ditado conferencias sobre ensino, sociolingüística e tradutoloxía. OS DÍAS CONDENADOS. FRAGMENTOS PARA UN DEVOCIONARIO, será o seu primeiro libro de poemas editado.


Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada