FROLES DE OUTONO

 

                                                A Álvaro Cebreiro

 

Vede un feixe de froles outonales

que puiden apañar polas campías,

cando menguando sen cesar os días

fuxen diante dos ventos invernales.

 

¡Pálidas son, tristeiras, desigoales,

murchas quizais, arripiadas, frías.

Probes froles que son melanconías

frolecidas nos brancos areales!

 

Na miña ialma reina xa o outono,

sentín no corazón o desengano

fundir as súas poutas carniceiras,

 

e inda tolo, agarimando o ensono,

pergúntome, e xa sei que o fago en vano.

¿Estas froles serán as derradeiras?