A MIÑA TERRA

 

Oh, quen poidera, miña doce prenda,

xuntar as espalladas armoñías

que o tempo vello co fulgor dos días

ceibou no ensoño da dourada lenda.

 

E quen poidera da futura renda

que fabrican as fadas ás porfías,

mostrar as mallas, en que ti verías

o máxico esprendor da túa senda.

 

Quen poidera pintar no azul do ceo

o que no fondo dos teus ollos leo;

ter o outo son dos procelosos mares,

 

no Parnaso unha musa proteutora

e de xionllos aos teus pes, Señora,

cantar outro cantare dos cantares.