¡Terra!...

 

Confundidos no amor santo e inmorrente,

libertos da corpórea vestidura,

xuntos vagamos pola imensa altura,

sorrimos no cristal do craro ambente.

 

Ondulamos na lánguida corrente,

e entre o mesto follaxe da espesura

cantamos tremelando de ventura

unha cantiga de paixón vehemente.

 

E así nas alcendidas alboradas,

no solpor melancónico e sereo,

nos días e nas nuites encalmadas,

 

nas brétemas, no mar, no chan e o ceo

de cote un eco alumiñante berra

esta palabra milagreira: ¡Terra!

                                                               Abril de 1954.