CENTILEOS NAS ONDAS

 

Lostregueante choviscar de estrelas

No escuro seo dunha noite en calma;

Labarada de anceios e de arelas

A arder na seca gándara da ialma.

 

Anceios meus de lles roubare aos mares

Rondas de escuma, pérolas nacradas,

Rebrilos de ronseles estelares

Nos albos colos das mariñas fadas.

 

Ladrón, a vixiar nas penedías,

Nas pardas lombas dos adustos cabos,

No fervente balbor das ardentías,

Nas mouras furnas, nos rochedos bravos,

 

No brancore dos seixos dos coídos,

No morno abrigo das arnelas fondas...

Só puiden apañar estes louridos

Centileos nas ondas.