DELIRANDO

 

Ámoche tanto como as froles aman

ás raiolas do sol resprandecente

e as folerpas de escuma ao mar fervente

cando os seus tombos na ribeira braman.

 

Amores grandes no meu peito inframan

eses teus ollos de mirar vehemente.

Amada miña, Patria refulxente,

os meus beizos por ti tan soio chaman;

 

e se o imposibre algunha vez poidera

realizarse na vida, e despreciaras

ao que por ti se atopa sospirando,

 

cuido que, se de pena non morrera,

con asombro outra volta contempraras

no mundo tolo de furor a Orlando.