NON VOLTAREI

 

Sobín ao monte nativo

e ollei o mundo aos meus pes.

Vales a tremer no fondo,

mares en busca do alén,

ríos de sangue bermellos

feridos polos roibéns,

procisións de negras sombras

polas estradas do ceu,

naves pantasmas que lañan

as ondas co seu ronsel;

cotovías que non cantan,

corazóns a esmorecer,

roseiras que se desfollan,

follas caídas a treu.

Sobín ao monte nativo

e ollei o mundo aos meus pes.

Non voltarei, monte amigo,

a sobir, non voltarei.