O BARDO BERGANTIÑÁN

 

Vello Bardo, saúde. Teu alento

non se apagou coa vida. Vén a morte

tan soio para os homes cuia sorte

é vulgar. Ti de cote, coma o vento,

 

fungas baril no duro pensamento

da túa obra san, baruda e forte.

Es o coloso de guerreiro porte

e iauga caudal que racha o firmamento.

 

Tes os máxicos sons da rexa loita

e do santo furor os aloumiños;

esguisas o crespón que a terra enloita

 

e agarimando do porvir os niños,

ergues a testa nunha gandra enxoita

coma un pino lanzal de Bergantiños.