O MEU MAR

 

Unha nube de chumbo a tapar todo o ceu;

borraxeira e orballo que revoan no ar;

os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,

espallando queixumes con dorido fungar;

os montes envolveitos na brétema sotil;

e as bocas desdentadas das furnas no cantil.

 

Escumas, ardentías,

atruxante balbor,

e, cal apocalípticas porfías

de cíclopes, vestiglos e xigantes

das vellas e varís mitoloxías,

os ecos trepidantes

do líquido elemento bruador.

 

¡O mar!

¡O meu mar!

¡O mar que eu vexo,

nestes días de inverno,

gris, abalante,

inquedo, forte e rexo,

a cólera a roubar do fondo do averno

e a bater nas orelas, escumante

de rabia e de furore, nun épico loitar!

 

Este mar que derruba coas paredes das hortas,

desfaise contra os cons e sobe polos cabos;

que corre polas rúas ribeiranas e tortas

antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.

Este mar belicoso que a costa brava asedia,

que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza

e en escumas de prata no cantil as destrenza...

é o gran creadore dunha eterna traxedia.