O NEBOEIRO

 

                              A Castelao

 

Tiña dous carros no curro

do seu pazo solarengo...

—Un grande e pesado e outro

menos grande e máis lixeiro—.

 

Arrentes deles pasaba

o atán sonado vieiro

por onde o señor Sant-Iago

veu espallando o evanxeo.

 

Os ladróns a meia nuite

desfechan portas ao vento,

tapan a cara da lúa

e asesinan o silenzo.

 

O pazo, o curro e os carros,

derrubados e desfeitos,

deixa o fero capitán

da colla de O Neboeiro.

 

¡Que disgracia! polo mar

a chorar os mariñeiros

que xa navegar non poiden

con rumo seguro e certo.

 

¿Ulo o farol lucidío

daquele carro pequeno?

¡Mataron o Brandariz

no xiado Norte preso!

                                                  Galiza, 1953.