O Pesco

 

Desencadeada brúa unha tormenta,

funga o vento tolo, ruxe o temporal,

corren polo ceo nubarróns escuros

e en tombos de escuma reméxese o mar.

Sorprendido o pesco na cativa nave,

fai bulir no peito todo o seu valor,

inza a branca vela, séntase na popa

e con man de ferro dirixe o timón.

Sobindo hastra as nubes, caendo no abismo,

envolto antre as olas o pesco alá vai.

Contra os elementos cegos, iracundos,

a loita terribre comenzada está.

Nos longos praiales, nos altos penedos,

os veciños todos ollan con pavor

o rudo combate do mar e do pesco

sin saber cal deles será o vencedor.

Vese a branca vela, coma unha gaivota,

ás veces voando cara a terra vir,

outras afondirse no fervor das augas

de onde xa se coida non volve a saír.

E síguense as horas unhas tras das outras,

mortales, eternas, sin parar o afán

destes loitadores de ferro, incansabres,

que tras dos loureiros da vitorea van.

Hastra que nun tombo de furores cheo,

que contra da orela veu a reventar,

chegou a valente lancha pescadora

e poido na area por fin acougar.

De pe, na ribeira, o pesco barudo

pra o seu anamigo vencido mirou,

sacudeu a testa de salsa mollada,

surrise sereo... e altivo marchou.