PELENGRINAXE

 

Nas fondas corredoiras, recubertas

de silvas e froridos chuchameles;

nos camiños das gándaras desertas,

cinguidos de silvestres caraveles;

nas ariscas vereas da montana

pedregullenta, brava, rexa e inxente,

vese a cotío rebulinte e extrana

mointedume de xente.

 

E así como no inverno rebordadas

van as augas dos ríos barulleiros,

correndo polos seixos das calzadas

un exército vai de viaxeiros.

 

Pelengrinos son eles, que devotos,

a través das estradas e das sendas,

de países lonxanos e remotos

chegan humildes a rendir ofrendas.

 

Nas chamas vivas dunha fe queimante

confiados e ledos todos van,

deixando dos seus pasos, lostregante

e sanguiñenta marca polo chan.

 

Desprecian con carrax e valentía

os traballos dorosos da viaxe,

con arela pensando na alegría

do remate do seu pelengrinaxe.

 

Que aló está, como rosa prefumada

coma no azul da noite meiga estrela;

que aló está rebrilando unha alborada

de máxico sorriso; aló está ela.

 

E pérdida non hai pra o pelengrino,

porque no inmenso espazo

arde de cote un refulgor divino

que amostra a direizón do nobre pazo.

                                                                            Galicia, 1956.