POLA AREA DE LOURIDO

 

Pola area de Lourido

pasea o meu amor vello,

veira do mar revolvido,

do escuro ceu turbo espello.

 

Enriba das furnas mouras,

na branca liña da estrada,

brilan as guedellas louras

da principesa encantada;

e no inmenso azul salgado

cruza o remoto confín

o capitán condenado

no seu negro bergantín.

 

Na escumosa costa brúa

sen acougo o fero mar;

no Facho descansa a lúa

do seu longo camiñar

e ao seu lourido fulgor,

entre os penedos outivos,

está o mouro encantador

recontando os seus cautivos.

 

Centileos de Santelmo

na escuridade revoan

e na entrana do Cachelmo

tristes cantigas resoan.

 

Pola area de Lourido

pasea o meu vello amor,

leva o corazón ferido

polo coitelo da dor.