POESÍA

 

 

ESCUMAS DA RIBEIRA

Publícase na Imprenta de Juán Pérez Torres, en Madrid, sen data de edición.

En LA VOZ DE GALICIA(12-9-1914) aparece unha crítica ao libro Escumas da ribeira.

Dentro da sinxeleza formal e conceptual desta proposta, Abente xa mostra un vocabulario rico e alterna os textos curtos cos longos, os versos de medida breve e os alexandrinos.

 

 

 

ALENTO DA RAZA

            Foi imprimido por Xan Pérez Torres, tamén sen indicación da data.

  Para a edición de Alento da Raza aparece unha reseña en A Nosa Terra  (30-VI-1917).

Neste poemario están a forza e a enerxía, o verso rexo de clásica feitura, a universalidade que souberon recoñecer moitos dos seus coetáneos.

 

 

DO OUTONO

Sae da man da Editorial Ronsel, rematándose de imprimir na Coruña o derradeiro día de 1924, na Imprenta Moret, con sesenta sonetos hendecasílabos e con varios debuxos de Cebreiro.

Son sesenta sonetos nos que alternan impresións da paisaxe con notas de feitío amoroso e acentos moralizantes e hai tamén sonetos de loita política.

 

 

NEMANCOS

É o último poemario de pre-guerra de López Abente, sendo publicado na colección "Nós", vol. XXVII, na Coruña (1929).

Os motivos e a atmosfera da terra do autor xa se evidencian desde o propio encabezamento Nemancos, o primeiro dos poemas é un soneto intitulado "Muxía" e o derradeiro é "A Arnela" que pecha o círculo da paisaxe costeira.

 

 

CENTILEOS NAS ONDAS

Aínda que a súa feitura é evidentemente anterior, imprímese no final da década dos cincuenta (1958) dentro do labor de recuperación literaria que nesas datas está a facer a editorial Galaxia.

Trátase dun libro de poemas mariñeiros, publicados cando Gonzalo López Abente ten xa oitenta anos, e que afortalan aquela apreciación de Vicente Risco de que estamos diante do noso poeta do mar.

 

 

DECRÚA

Publícase na emigración despois do pasamento do autor, acontecido en 1963, dentro das Edicións Muxía (1966), que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente.

Ademais deste labor compilatorio o libro non engade nada novo sobre a liña poética de Abente e debe ser lido como complemento das súas obras anteriores.

 

 

MONZA DE FRORES BRAVAS PARA NOSA SEÑORA DA BARCA

    Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no ano 1971, cando se lle dedicou o "Día das Letras Galegas".

 

 

BRETEMADA

Publicada no ano 2011 pola Fundación Gonzalo López Abente dun texto depositado na RAG e editado polo profesor Miro Villar en Alvarellos Editora. É un texto de ton épico, na liña de Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas, consta de cen poemas escritos entre os anos 1917 e 1922 no que o personaxe feminino Bretemada vén sendo unha metonimia da propia Galicia.