Bases do I Premio de Poesía Gonzalo López Abente

4/ 5/2013

 

Anxo Lorenzo, Félix Porto e Rivadulla Corcón

A Fundación Gonzalo López Abente en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Univesitaria da Xunta de Galicia, convoca o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega. 

Acodiron a presentación o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co presidente da Fundación, Félix Porto, e o vicepresidente da mesma, X. H. Rivadulla Corcón

 

BASES 

1. Poderán concorrer ao I Premio de Poesía Gonzalo López Abente autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados serán inéditos, condición que se estende ao soporte dixital, e non poderán estar premiados en ningún outro concurso de poesía.

2. A extensión dos textos presentados non deberá ser menor a 400 versos.

3. De cada orixinal presentaranse en sobre pechado sen remite catro copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas ou grampadas, antes do día 25 de maio de 2013, na sede da fundación:

Fundación Gonzalo López Abente
R/ Virxe da Barca, 49. Casa das Beiras
15124 Muxía (A Coruña)

Indicarase no sobre “I Premio de Poesía Gonzalo López Abente”.

4. Os orixinais presentaranse baixo lema e xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá o nome e os apelidos do autor ou da autora, enderezo postal, número de teléfono e enderezo electrónico.

5. O xurado estará composto por tres poetas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega e como secretario/a actuará un representante da fundación.

6. O premio terá unha dotación  única de 2.000 euros, suxeito á normativa fiscal vixente, e mais unha peza escultórica conmemorativa. A obra premiada será propiedade do seu autor ou autora, agás a primeira edición, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia. En posteriores edicións, ao igual que na primeira, farase constar a condición de premiada no I Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será  inapelable.

8. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da fundación, previa solicitude, no prazo dun mes. Os que neste prazo non sexa recollidos destruiranse.

9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e da interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este adopte nas súas funcións. 

 


Presentación do I Premio de Poesía Gonzalo López Abente

A Fundación Gonzalo López Abente presenta o certame xunto coa Secretaría Xeral de Cultura | 4/ 4/2013

 

 Fundación Gonzalo López Abente en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Univesitaria da Xunta de Galicia, convoca o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega.

O premio será presentado en rolda de prensa o vindeiro venres, 5 de abril, ás 11:00 h., no Salón de Plenos do Concello de Muxía.

 

Á rolda de prensa asistirán o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co presidente da Fundación, Félix Porto, e o vicepresidente da mesma, X. H. Rivadulla Corcón.

A Fundación Gonzalo López Abente quere con este premio de poesía contribuír a dar difusión ao nome do autor muxián, ademais de contribuir á produción de  obra poética en lingua galega . Con este fin asinará sendos convenios coa Consellería de Cultura –para o cofinanciamento do premio-  e con Edicións Xerais de Galicia- para a publicación da obra gañadora.


A Comisión Executiva da Fundación López Abente apoia a Mendez Ferrín

3/11/2013

 

A Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente quere facer chegar ao sr. Méndez Ferrín o seu agradecemento polo labor feito como membro do Padroado de dita fundación, xa que se mostrou especialmente comprometido co nacemento e actividade da mesma. Asi mesmo parabenizamos ao sr. Méndez Ferrín – parabéns que personalizamos no Presidente, pero que facemos extensivos a tódolos membros da Comisión Executiva da RAG - polo seu labor na Real Academia Galega, labor que conseguiu achegar a entidade ao pobo galego e facer que sentiramos a Academia como propia. Agradecemos especialmente o traballo de defensa e compromiso pola dignidade da nosa lingua, nun tempo no que é necesario que tal compromiso sexa real, activo e sen concesións.

Na modesta opinión da Executiva desta fundación, o sr. Mendez Ferrín debería seguir ao fronte da Academia, e así llo pedimos, para garantir que esta entidade siga sendo o lugar onde a lingua galega se vexa xustamente coidada, protexida e promocionada e para que a Academia siga sendo a entidade da que tódolos galegos nos sintamos orgullosos.

 

En Muxía, 11 de marzo de 2013,

A Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente


Muxía recuperou á Rosalía de Castro máis ceiba

A Fundación López Abente e a Fundación Rosalía de Castro conmemoraron os 150 anos da publicación de "Cantares Gallegos" | 3/ 4/2013

Os Presidentes das fundacions de Lopez Abente e Rosalia destapando a placa conmemorativa

Este pasado sábado dende a Fundación López Abente rendemos sentida homenaxe a Rosalía de Castro para celebrar os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.

Foi un acto moi emotivo, onde recuperamos memoria de esa moza Rosalía de Castro, que con 16 anos chegou ata Muxía e chegou - en palabras de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía- como unha muller ceiba, ela soa con Eduarda Pondal, probablemente a cabalo, nunha época na que, como nos contaba Manuel Vilar na súa conferencia, as mulleres que vivían soas non eran ben vistas e hai documentación da época na que se lles aconsella que vivan con seus pais, ainda que sexan adultas ou vellas, se non teñen home.

Nesa época unha moza de 16 anos, culta e rebelde, chega á Romaría da Barca, sen máis acompañamento que a súa amiga Eduarda, e nesta Romaría queda prendada de todas esas mulleres que logo descrebe no poema á Nosa Señora da Barca, precisamente en Cantares Gallegos, esas mulleres humildes e fermosas que chegan á Romaría da Barca a disfrutar e bailar. Un poema no que -como nos expricou Anxo Angueira- Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de froles que son as fermosas mulleres galegas, mulleres libres para disfrutar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran nesta Romaría da Barca.

Emotivos actos

Os pequenos muxians lendo a Rosalia con Viki Rivadulla

Os actos comezaron coa colocación da placa conmemorativa no lugar onde estaba a casa na que Rosalía se aloxou. Unha placa que polo de pronto quea situada de xeito provisional xa que o edificio está en plenas obras.

No simbólico lugar falaron alí o presidente da Fundación GLA, Félix Porto e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Ademais, a secretaria da FGLA, Viki Rivadulla presentou aos nenos e nenas dos centros educativos de Muxía, que leron poemas de Rosalía. Tamén fixo entrega a Antonio Paz,- propietario do establecemento de hostalería que está hoxe no lugar onde estaba a casa- dun pergamiño conmemorativo para poñer no interior do seu establecemento.

Posteriormente, outro membro da Fundación, Rivadulla Corcón, presentou, no Salón de Actos as conferencias sobre Rosalía. Manuel Vilar ofreceu na súa conferencia unha visión moi documentada da Muxía da época, mentres que Anxo Angueira amosounos a verdadeira Rosalía, a muller libre que foi quen de converterse na nosa poeta, a poeta nacional galega e expricou o sentido do proxecto de dignificación nacional que Rosalía inicia en Cantares Gallegos, do que celebramos 150 anos da súa publicación.

 



A Fundación homenaxea a Rosalía de Castro

O sábado 2 de marzo Muxía acollerá varios actos na honra da escritora galega | 2/24/2013

 

A Fundación Gonzalo López Abente homenaxea á autora no ano da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Ademais, con estes actos querese poñer en valor un feito importantísimo para Muxía, como é que Rosalía de Castro acudira á Romaría da Barca no ano 1853, acompañada de Eduarda Pondal, irmá do bardo pontecesán. Durante esta estancia, Rosalía e Eduarda enfermaron, feito que causou a morte de Eduarda e marcou profundamente a Rosalía que permaneceu un tempo en Muxía, convalecente da súa enfermidade. A casa na que se aloxou era a do médico Leandro Abente Chans, tío de Eduardo Pondal e avó de Gonzalo López Abente. Muxía inspirou a primeira novela de Rosalía, La hija del mar e tamén o poema de Cantares Gallegos"Nosa Señora da Barca".

O día 2 de marzo os actos comezarán ás 17:00 horas coa colocación dunha placa na Rúa A Marina, no lugar onde estivo ubicada a casa na que Rosalía se aloxou durante a súa estancia en Muxía, no ano 1853. No acto lerán poemas nenos e nenas dos centros educativos de Muxía.

A continuación, no Salón de Actos do Voluntariado, Manuel Vilar, patrón da Fundación Gonzalo López Abente e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, ofrecerán sendas conferencias sobre a figura da autora.


Lema Suárez resume a obra de López Abente

Breve artigo do Presidente da SEMESCOM para a revista do 50 aniversario das Letras Galegas | 2/22/2013

A secretaría da Real Academia Galega tivo a ben encargarlle a Xosé María Lema Suárez unha moi breve semblanza (só 560 carácteres) do escritor muxián Gonzalo López Abente (1878-1963), a quen se lle dedicara o Día das Letras Galegas de 1971.

Co asesoramento do poeta Miro Villar, que maior entendido na obra deste escritor da Costa do Solpor, publicou o que segue no marco do 50 aniversario da maior festa cultural de Galicia, baixo o lema de "Todas as Letras do Día das Letras Galegas".



López Abente traducido por Antón Zapata García

Na revista arxentina Caras y Caretas en 1923 | 2/15/2013

 

A recente publicación dos poemas «O castro» e «A miña terra» en Sinfonía Atlántica. Antología General de la Poesía Gallega (edición bilingüe, selección, estudo e tradución de Carlos Clemetson, Madrid, Editorial Eneida, 2013), que revelou a páxina da Fundación López Abente, serve para lembrarmos que na década dos vinte foron traducidos tres poemas de Gonzalo López Abente: un ao francés, outro ao castelán e outro ao portugués (pois outras colaboracións nas revistas portuguesas aparecen sempre no orixinal en lingua galega). Velaí:

  • Le charretierNós, 1, 30 de outubro de 1920. (Versión ao francés de Philéas Lebesgue, recollida de Les Tablettes. Boletín mensual de Saint Raphaël-Vas, do poema «O carreteiro»). O orixinal publicouse en Alento da Raza.
  • El abrazoCaras y Caretas, Bos Aires, 1303, 22 de setembro de 1923. Debaixo do título sinala: (Traducción del gallego por Antonio Zapata Garcíadel libro «Alento d’a Raza»).
  • Como ti queirasTríptico, Coímbra, 6, 15 de xaneiro de 1925. O orixinal publicouse en D’Outono. Na versión portuguesa, da que descoñecemos a autoría, hai unha serie de grallas (como o uso do ñ no canto de nh en ‘mansiña’, ou o uso do x no canto de j na forma verbal ‘sexa’) e o autor aparece como Gonzalo Lópes Abente. Tamén se engade: Do livro no prelo «D’Outono».

 

 

Xa puidemos comprobar nas Crebas de Miro Villar a tradución francesa emais a portuguesa, polo que hoxe reproducimos a versión castelá que fixo outro poeta da Costa da Morte, o laxense Antón Zapata García, que vivía na Arxentina desde 1903 e aló morreu en 1953 sen retornar.  E deseguida o orixinal en galego tal e como se publicou en Alento da Raza.

EL ABRAZOAntón Zapata no 1920

Entre los áureos hilos de la madeja ardiente
que vuela estremecida, del alto sol pendiente,
revuélvese ligero el zumbador tesoro
de rápidos insectos, coma una lluvia de oro.
Los pájaros ocultan su bulidor contento
entre el follaje mustio por el quemante aliento
de la jocunda siesta: Germinadora brisa,
formada en el misterio con la sensual sonrisa
del rostro refulgente de Príapo fecundo,
que, cual fuente de vida, va recorriendo el mundo.
Bajo de la ígnea tromba, polícromos lagartos
arrástranse enervados, holgazanes y hartos,
soñando suavemente con lúbricos amores
que arden dentro las clámides de mágicos colores.
Grita un cuervo, afligido por rijosa ardentía
que le aguijea el cuerpo, y allá, en la lejanía,
del seno montañoso, responde la burlona
voz de un eco festivo que mil risas corona.
Salta un sapo, buscando la oscura cueva amiga
donde suena amorosa de una hembra la cantiga.
Dos grandes mariposas, en la luz de sus brillos,
muy juntas, al son bailan de un concerto de grillos.
Extiende la hechicera diosa de nuestro canto,
bajo el umbrío bosque, su esplendoroso manto,
y el asombro se esparce por la extensión profunda
donde la fértil vida, palpitando, fecunda.
Es su áurea cabellera, luz de cielos serenos;
fuentes de amor y vida son los redondos senos,
palomas virginales que arrostran orgullosas
sus picos nacarados cual dos yemas de rosas.
Las columnas de mármol lentamente doblaron
y en el suelo el sagrario de aquel templo posaron.
Y ante él, de rodillas, el místico creyente
devoto le ofreció una oración ferviente,
con murmullos del agua de un arroyo risueño
que escurre en el regazo de un quimérico ensueño.
Meteoros vibrantes y cálidos, huídos
del pecho enamorado, que queman los sentidos;
chispazos escapados de la forja tronante
donde arden los amores del rendido gigante,
son las suaves palabras de esta oración grandiosa
que atormentan la carne de la doliente diosa.
El turbión del deseo el cuerpo de él agita,
cabe del santuario donde el placer palpita,
hasta que, ciego y loco, furente se desata
y, libre, corre y brama como una catarata.
Toca un mirlo en su flauta alegre melodía;
canta un himno la fronda de triunfal alegría,
mientras los brazos tiéndense ambos enamorados
y quedan los dos cuerpos fuertemente abrazados.

 

O ABRAZO

Antre os brilantes fíos da madeixa dourada
que voa estremecida, do alto sol pendurada,
reméxese lixeiro o fungador tesouro
de rápidos inseutos, coma unha chuvia de ouro.
Agochan os paxaros seu bulidor contento,
nas follas retorcidas pol-o ardoroso alento
da sesta voluptuosa: Xerminadora brisa,
no misterio formada co-a lasciva surrisa
do rostro refulxente de Priápo fecundo,
que, cal fonte de vida, vai recorrendo o mundo.
Baixo a tromba de fogo, polícromos lagartos
arrástranse enervados, preguiceiros e fartos,
soñando quedamente nos lúbricos amores
que arden dentro das túnicas de máxicos colores.
Berra un corvo, afrixido por ardentes desexos
que peteiranlle o corpo, y-alá, lexos, moi lexos,
no séo da montana, responde a vos bulrona
d’un eco bullangueiro que antre risas resona.
Salta no chan un sapo, buscando a coba amiga
onde soa amorosa d’unha femia a cantiga.
E dúas volvoretas, no fulgor dos seus brilos,
xuntiñas, ao son bailan d’un concerto de grilos.
Estende a feiticeira diosa do noso canto,
baixo a sombra do bosque, seu espréndido manto,
y-o asombro recorre toda a estensión seréa
onde a fecunda vida latexando procréa.
É a sua cabeleira fulgor dos craros céos;
fontes de amor e vida son os redondos séos,
inmaculadas pombas que arrostran orgullosas
seus peteiros de nácar cal dous botóns de rosas.
As columnas de mármol paseniño dobraron
e no chan o sagrario de aquel tempro pousaron.
Y-ante d’el, de xionllos, o místico creente
devoto lle ofrecéu unha oración fervente,
con marmulos da linfa d’un regato risoño
que escorre no regazo d’un quimérico ensoño.
Voadores tremantes e sonoros, fuxidos
do peito namorado, que queiman os sentidos;
moxenas escapadas da forxa retombante
onde arden os amores do rendido xigante,
son as quedas parolas d’esta oración grandiosa
que atormentan a carne da esmorecida diosa.
O turbión dos desexos o corpo d’el axita,
preto do santuário onde o pracer palpita,
hastra que, cego e tolo, furente se desata
e, libre, corre e brama coma unha catarata.
Na sua frauta un merlo toca unha melodía,
canta a fronda unha marcha de trunfal alegría,
mentes que os brazos tenden entrambos namorados
e quedan os dous corpos fortemente enlazados.

 


A partitura de Miguel Brotóns do poema "O meu mar"

O compositor alicantino vén de musicar ao poeta muxián | 2/ 7/2013

Comezo da partitura coas notas de Brotóns e os versos de López AbenteNon hai moito que nos enteiramos que o compositor Miguel Brotóns estaba a compoñer unha nova partitura cun poema do noso muxián López Abente.

Pois ben, xa temos nas nosas mans a partitura que Miguel Brotóns ten composto sobre poema "O Meu Mar". Versos e notas mestúranse no papel, e xa estamos desexando poder escoitala en directo.

 

Xa poden descargar a partitura:


A Fundación López Abente prepara os actos do Cincuentenario do falecemento do autor

A entidade traballa tamén nunha homenaxe a Rosalía de Castro | 1/21/2013

O pasado sábado, 19 de xaneiro, a Comisión Executiva da Fundación Gonzalo López Abente reuniuse para ir pechando a organización dos actos que terán lugar nos vindeiros meses.

 

O Plan de Actuación da Fundación para o 2013 inclúe diversas actuacións de importancia, e xa se está traballando neles.

Hai actividades de grande relevancia como é a homenaxe a Rosalía de Castro, que terá lugar o día 2 de marzo e que consistirá na inauguración dunha placa no lugar onde estivo ubicada a casa na que se aloxou Rosalía na súa estadía en Muxía, cando acompañada por Eduarda Pondal (irmá do bardo pontecesán) acudíu a Romaría da Barca, no ano 1853. Haberá lectura de poemas por parte de escolares do municipio e a continuación unha conferencia de Manuel Vilar, sobre a relación de Rosalía e Muxía e de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que deste xeito participará nos actos.

Con estes actos a Fundación Gonzalo López Abente quere poñer en valor a relación que Rosalía tivo con Muxía e a pegada que a súa estadía deixou na poeta e na súa obra.

Outros actos que están xa en preparación son os que se centrarán na conmemoración do cincuentenario da morte de Gonzalo López Abente, que terán lugar o 20 de xullo con conferencias, actuacións musicais e a presentación da publicación da Obra Poética Completa, que está rematando de preparar o escritor e membro da Comisión Executiva, Miro Villar.

Tamén no presente ano será publicada a unidade didáctica sobre López Abente que preparou Xan Fernández e que levará ao autor aos centros educativos, e está en preparación outro proxecto no que traballará X. H. Rivadulla Corcón para achegar a figura e obra de López Abente aos máis pequenos.


López Abente en clave musical

O compositor Miguel Brotóns compón unha nova partitura cun poema do muxián | 1/14/2013

O compositor alacantino Miguel Brotóns

Gonzalo López Abente segue conquistando todas as artes. A última, a música, a través do compositor alacantino Miguel Brotóns. Brotóns vén de compoñer unha nova partitura para canto e música de piano do poema "O meu mar" de Gonzalo López Abente.

Estaremos atentos a traer á composición en canto a teñamos dispoñible e agardamos podela representar co gallo do 50º Aniversario do pasamento do poeta muxián.


Novas de Interese Entradas antigas