"Presencia da obra de López Abente", un artigo de Salvador Lorenzana

1/ 8/2013

Cando se cumpren 100 anos do nacemento de Francisco Fernández del Riego, tamén coñecido como Salvador Lorenzana, a Fundación López Abente quere unirse á homenaxe que lle rinde a Editorial Galaxia.

A relación entre ambos poetas é completa. Así, a Fundación, a través da Obra Poética Completa do poeta muxián na que está a traballar Miro Villar, recupera tamén un texto que Francisco Fernández del Riego escribiu como epílogo da publicación que fixo a RAG para o Día das Letras Galegas do ano 1971, na que se homenaxeaba ao vate muxián, finado oito anos antes, pois daquela non era preceptivo o transcorrer dunha década.

«Presencia da obra de López Abente», asinado como Salvador Lorenzana (o pseudónimo máis habitual de don Paco) ocupa as once últimas páxinas do volume "Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca", que compilaba unha serie de poemas relixiosos, e non só, de Gonzalo López Abente.

Velaquí un fragmento do artigo:


«Toda esta poesía ten emoción. Pero é máis baril, máis chea de presaxio cando consona coa vibración do esceario mareiro. Porque López Abente era de veta romántica. A fogaxe, a arroutada, o gosto polas grandes sonoridás, o desenrolo amplo e un algo froxo no que se compracía, son todas notas románticas. Nembargante, a pesares da rachadura que moitas veces sela os seus poemas, acredita, asemade, certa propensión ás formas clásicas.

Onde máis se patentiza ese feitío clásico do poeta é, naturalmente, nos sonetos de Do outono. Todos sabemos que se pode facer retórica, e mesmo retórica mala, tanto con sonetos ou décimas como con verso libre. E é posíbel —inda que nada doado— facer gran poesía tanto con sonetos como con verso libre. López Abente atinóu a crear poesía, máis que retórica, nos poemas medidos do seu Do outono. Cando os publicóu, o autor, revelándose cultivador de formas clásicas, foi considerado como novo. Novo dentro dos marcos solenes do clasicismo, un pouco rudo e como batido do mar, porque daquela viña ser o seu un a xeito de clasicismo atlántico.

A temática dos sonetos de Do outono reflexa un anceio de intimidade do poeta. E a seguido unha denuncia de feitos cos que esa intimidade se atopa. Amosa así o niño de bichocos carniceiros que gardan os homes mintiráns nos profundos abisos do seu mar. Escoita o voio vagaroso do remorso no teebroso tear da medoñenta escuridade. Dexerga un mundo sin cabo, a eterna vida e o infindo poder que esmaga a súa alma infeliz. Sospira por pintar no ceo algo que anda a lér no fondo dos ollos da súa terra. Ouve o berro da sirea rachar o silencio na costa brava. Albisca na altura o albre bicado polo sol, a cantar un himno de amor co son da ramallada. E decátase, ao cabo, de que na ialma do poeta reina xa o outono, e de que o desengano vai afundindo no seu corazón as poutas carniceiras.

Formas clásicas, sí, as que o sonetista percura. Pero a inspiración é unha inspiración barilmente romántica de home da beiramar. Os máis dos poemas de catorce versos tratan temas universáis; revelan os sentimentos primarios e prepotentes da ialma humá; configuran unha lírica suxestiva, inda que describa e anque refira. Pero tras dese ton xeneralizador e suxetivista, está sempre a persoalidade concreta de López Abente inxerida nun mundo tamén concreto: o do país natal.

Ao marxe do libro de sonetos, a obra do autor de Nemancos foi calificada como a obra dun poeta do mar. E non hai dúbida que a temática mareira aparez reiteradamente nunha grande parte dos seus versos. Neles preséntanos fermosas visións, descritivas ou non, da costa de Muxía; visións de mar bretemoso, cheas de ulido salobre. Vicente Risco ten falado con bo xeito desas visións mariñeiras de López Abente. E con tal motivo cotexaba ao respecto a actitú dos Precursores coa dos Continuadores. Os primeiros, decía, viviron en xeneral de costas viradas ao mar, ollando soamente a aldea e a montaña. Veleiquí unha das máis curiosas desemellanzas que Vicente Risco atopa antre os dous tempos: «Os poetas e os escritores do novecentos vóltanse cara o mar, descobriron a poesía, e aínda máis, a enxebreza do mar. O Atlántico hoxe impónse non soio ao noso sentimento lírico, senón ao noso pensamento tamén».

Porén quen máis fixo fincapé na nota tipificadora de López Abente como poeta do mar, foi quizaves Sebastián Risco. No analítico proloquio que antecede ao libro Centileos nas ondas, destaca ben nidiamente aquela nota singularizadora. Pra o prologuista, o mar que o libro ofrece é un mar cinguido no esprito do poeta, recreado nel, refundido en fondas e brillantes imaxes cuio escintilar non nos priva de o ver como mar auténtico. Centileos nas ondas ven ser así, pra o seu presentador, un fermoso retrato lírico do mar: «Quen como López Abente tivo a sorte de poder intimar coa natureza, chega a facela súa, e elo autoriza a decir que o mar que eiquí nos presenta é o seu: o mar da súa terra nativa é o mar ecoado na súa propia alma».
Eis, pois, o principal motivo inspirador da creación poética do escritor de Muxía. Un motivo que se revela en estrofas vibradoiras unhas veces, alporizándose en fogaxe romántica, e en baruda contención noutras de feitío clásico».

Fonte e máis información


Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada