Nova presentación da obra "Poesía Completa. Gonzalo López Abente"

A obra editada conxuntamente por Edicións Espiral Maior e a Fundación será presentada na Coruña | 11/ 7/2013

 

A presentación do volume que recolle a totalidade da obra poética do poeta muxián Gonzalo López Abente, baixo o titulo “Poesía Completa” será presentado na Coruña, o día 15 de novembro, as 20 horas, no espazo cultural Portas Ártabras. Este espazo , da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, está situado na rúa Sinagoga  22, detrás da Colexiata de Santa María do Campo, na cidade vella coruñesa.

No acto participaran Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; X. H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente; Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior e Miro Villar, editor literario da obra que se presenta.

O volume está  editado conxuntamente pola Fundación Gonzalo López Abente e  Edicións Espiral Maior, dentro da colección Opera Omnia, e inclue os cinco libros editados en vida do poeta: Escumas da ribeira, Alento da raza, D´outono, Nemancos e Centileos nas ondas; tres libros que foron editados despois do seu falecemento: Bretemada, Decrúa Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca; e unha serie de poemas aparecidos en revistas e xornais e inéditos.

 

Gonzalo López Abente naceu en Muxía en 1878 e morreu na mesma localidade en 1963. Foi un escritor esencial para a literatura e a cultura galega na primeira metade do século XX,  sirva como proba o que del dixo Vicente Risco: “López Abente é un clásico (...) un pouco rudo e como batido polo mar, porque é o seu un clasicismo atlántico...” Outros escritores que teñen loado a súa escrita foron, entre outros, Otero Pedrayo, Marinhas del Valle ou Sebastián Risco, e na actualidade un recoñecido abentiano é Méndez Ferrín. Entre os feitos que destacan na súa vida compre citar a súa participación activa nas Irmandades da Fala dende a súa fundación en 1916.

Editado en 1918, o seu libro Alento da Raza foi un dos referentes da poesía patriótica, xunto co libro de Cabanillas Da Terra asoballada. En 1922 formará, con Vicente Risco e Castelao a Irmandade Nacionalista Galega. En 1926 entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, no mesmo momento que Cabanillas, Noriega Varela e Vitoriano Taibo. En 1931 apoia a constitución do Partido Galeguista, e no ano 36 participou en mitins a favor do Estatuto de Autonomía.

Tamén hai que lembrar que foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores de Galicia, que se constituíu en Compostela o 30 de marzo de 1936. E toda esta fecunda actividade a prol de Galiza tivo o amargo froito de valerlle un Expediente de Depuración, que tivo como consecuencia que en 1937 fora cesado no seu emprego no Banco Pastor de Muxía. Pero só pasarían catro anos, cando en 1941 entra a formar parte da Real Academia Galega, e no acto de ingreso que ten lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ten a valentía de ler o seu discurso en lingua galega, co título “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”.


Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada