Casas literarias: Gonzalo López Abente

Artigo de Armando Requeixo | 3/26/2015

Casa de Gonzalo Lopez Abente

Un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agonaiba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxenme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…

Quen así escribiu foi o poeta Gonzalo López Abente nunha carta que enviou ao seu curmán Horacio Bermúdez Abente. Porén, malia nacer naquela antiga casa do Cabo da Grixa, o que foi o seu lar vivencial de sempre está radicado na rúa Virxe da Barca, que é o lugar onde escribiu boa parte da obra poética e onde nos deixou.

casa antiga lopez abenteA vivenda, hoxe reformada, en tempos tivo unha única altura. No andar de baixo estaba o despacho no que escribía o poeta. Na parte de riba, unha pequena bufarda que daba remate ao inmoble, hoxe desaparecida, pois eliminouse para construír unha segunda altura, o que lle fixo perder parte do antigo encanto.

Na beirarrúa, xunto á porta da casa, a Fundación López Abentecolocou unha placa que a distingue como o lugar no que o poeta residiu decote. Alí viviu practicamente toda a vida, quitado o tempo no que estudou o bacharelato e a carreira en Compostela e algunha viaxe de mocidade a Francia, Bélxica e Holanda, pois, tras delas, regresou a Muxía, onde traballou como funcionario de banca.

A casa da rúa Virxe da Barca veu xurdir grande parte dos versos de D’outono (1924), Nemancos (1929), Centileos nas ondas (1958) ou Decrúa (1966) e relatos como O novo xuez (1922), Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929). 

placa lopez abente (no chan)

Na súa Muxía natal —na propia rúa Virxe da Barca, ben preto desta casa onde viviu—, ten a sede a fundación do escritor, constituída no 2010. Sita na Casa das Beiras, dende ela promóvese e difúndese a súa figura, amais de convocar un certame literario que leva o seu nome.

O mozo que un día dirixiu El Eco de Mugía ten moitos poemas dedicados ao mar que baña o célebre santuario, ás súas xentes e paisaxes. Aquel naipelo que vira a luz primeira no Cabo da Grixa (onde hoxe existe aínda un cruceiro que velou os seus primeiros soños, pois estaba a carón daquela casa de nacido), lembrou a súa raíz nas páxinas de Nemancos:

O cruceiro do Cabo da Grixa

Ti, do Cabo da Grixa meu cruceiro,
unha historia me ensinas do pasado
na que un home pasou por embruxado
e chorou na aldea prisoeiro;
xa liberto do aldraxe mintireiro
ergueute agradecido nun calado
curruncho do seu pobo. —Agarimado
das raiolas do sol que vin primeiro,
de cote, cando os meus ollos che miran,
ven unhas sombras que incesante viran
das tuas escaleiras a carón:
un home c’unha branca vestidura,
e, tras d’el unha besta co-a figura
xigantesca e cornuda d’un cabrón.

Fonte


Entrada antiga Novas de Interese Nova entrada