O 30 de xaneiro de 2010, reúnense no Concello de Muxía Félix Porto, Alcalde de Muxía; X. H. Rivadulla Corcón; Manuel Vilar Alvarez; Miro Villar e Viki Rivadulla.

O Alcalde, Félix Porto, informa aos asistentes que con data 7 de xaneiro de 2010,entrou no Concello un escrito firmado por dous dos presentes , Rivadulla Corcón e Viki Rivadulla, dirixido ao Alcalde, no que se propón a constitución dunha Fundación para difundir a obra de Gonzalo López Abente e dinamizar a vida cultural da zona.

Como xa se tentou facer un congreso sobre López Abente no ano 2009, que finalmente non puido ser por falta de financiación, Rivadulla Corcón e Viki Rivadulla propuxeron ao Alcalde que neste proxecto para facer a fundación se incluíse ás persoas que traballaron polo congreso que foron , ademais dos nomeados, Manuel Vilar, Miro Villar e Xesús Sambade.

Acórdase nesta reunión comezar cos trámites para a constitución da Fundación e que os presentes, ademáis de Xesús Sambade ,formen parte do Padroado como fundadores. Fálase tamén de convidar a outras persoas a participar na constitución da fundación. Acórdase falar con Xan Fernández Carrera, co que ademais xa se contactara no 2009 para que deseñara unha ruta abentiana pola vila de Muxía e Arturo Suárez Varela que é parente de López Abente. Estes son os membros fundadores do padroado.

A partir aí comezouse coa xestión para legalizar a Fundación e reunir as institucións e asociacións que forman parte do Padroado que son a Real Academia Galega , a Deputación da Coruña, as Universidades de Santiago e da Coruña. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Consello da Cultura Galega e o Pen Clube.

OBXECTO E FINALIDADE DA FUNDACIÓN

A fundación ten por obxecto promover e difundir o coñecemento da vida e da obra de Gonzalo López Abente, así coma doutros poetas e escritores que teñan realizada a súa obra, na totalidade ou en parte, en lingua galega.

As persoas que forman a Fundación consideran importante a necesidade de recuperación e promoción dunha figura de enorme calidade literaria e importancia histórica como é Gonzalo López Abente xa que a súa obra e a súa figura non están difundidas como se merecen.

A creación dunha fundación como a que xa teñen outros grandes escritores deste país, é a mellor maneira de traballar no obxectivo proposto -a difusión da vida e obra de López Abente- , xa que permite dar unha continuidade no tempo a este traballo e facer unha programación das actuacións coordinada co Concello, os Centros Educativos e calquera outra institución coa que se poida colaborar.

Ademais da finalidade principal da Fundación, hai un obxectivo engadido como é o interese xeral ao redor da mellora da vida cultural no concello de Muxía e en toda a zona, xa que a Fundación López Abente, sería un foco de irradiación de vida cultural.

Está demostrado- polo coñecemento do funcionamento doutras fundacións adicadas a escritores- que unha Fundación coma esta é un foco de atracción para un turismo cultural e de calidade e é un medio importante de difusión do nome da vila natal do escritor a quen se lle dedique.

Dado que a Fundación ten por obxecto promover e difundir o coñecemento da vida e da obra de Gonzalo López Abente e outros poetas e escritores, son beneficiarios todos os galegos e galegas en xeral.

O PADROADO

O padroado é o órgano de goberno, representación e administración da fundación, e executará as funcións que lle corresponden . Son membros natos por razón do seu cargo o Alcalde /-esa do Concello de Muxía e o Concelleiro/-eira de Cultura do Concello de Muxía, ademais dos sete membros fundadores, a saber: Xan Fernández Carrera, Viki Rivadulla Conde, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Xesús Sambade Soneira, Arturo Suárez Varela, Manuel Vilar Alvarez e Miro Villar.

Tamén constituíron o 1º Padroado, representando ás diferentes institucións:

  • D. Xosé Luís Méndez Ferrín. Presidente da Real Academia Galega.
  • D. Salvador Fernández Moreda. Presidente da Deputación da Coruña.
  • D. Francisco Díaz- Fierros Viqueira. Membro do Consello da Cultura Galega.
  • D. Juan José Casares Long. Reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
  • D. José María Barja Pérez. Reitor da Universidade da Coruña.
  • D. Luís Eugenio González Tosar. Presidente do PEN de Galicia.<7li>
  • D. Cesáreo Sánchez Iglesias. Presidente Asociación de Escritores en Lingua Galega.

PLENARIO CONSTITUINTE

O plenario constituinte tivo lugar no salón de plenos do Concello de Muxía, o 29 de xaneiro de 2011, con caracter público, e estiveron presentes todos os patróns natos e os representantes das institucións mencionados no anterior apartado. Quedando cosntituida a 1º Comisión Executiva pola seguintes persoas:

  • PRESIDENTE: Félix Porto Serantes. Alcalde do Concello de Muxía.
  • VICEPRESIDENTE: X. H. Rivadulla Corcón.
  • SECRETARIA: Viki Rivadulla Conde.
  • TESOUREIRO: Arturo Suárez Varela.
  • VOGAIS:
    - Amparo Baña Álvarez. Concelleira de Cultura do Concello de Muxía.
    - Miro Villar.
    - Xan Fernández Carrera.
    - Manuel Vilar Álvarez.
    - Xesús Sambade Soneira.

ACTIVIDADES

Entre as actividades que a Fundación se propón levar a cabo están as seguintes:

  • 1. Creación dun Museo Literario;
  • 2. Xestión anual do Museo Literario;
  • 3. Recompilación de material documental, mobiliario, etc. para a dotación do Museo Literario;
  • 4. Promoción de estudos de investigación e divulgación da vida e da obra de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Vitorino Abente Lago e os outros escritores nacidos ou relacionados con Muxía;
  • 5. Organización de campañas informativas a nivel escolar do que significou a figura de Gonzalo López Abente para a literatura galega;
  • 6. Organización de talleres literarios, cursos de verán e outros relacionados coa literatura;
  • 7. Organización de actividades culturais, Congresos, Seminarios, Recitais poéticos, Concertos, Conferencias, Mesas redondas e outros relacionadas co mundo da literatura galega e co tempo literario no que se moveron os poetas;
  • 8. Creación dun premio anual Certame literario López Abente;
  • 9. Colaboración con outras Casas Museo de escritores afíns ou contemporáneos de López Abente ou doutros escritores, para organizar programas de divulgación conxunta dos mesmos;
  • 10. Publicación de investigacións, estudos e outro material que a Fundación xere coa súa actividade, en todos os soportes audiovisuaias e literarios posibles;
  • 11. Trazado de rutas literarias relacionadas coa obra de López Abente ou outros escritores;
  • 12. Promover actividades e accións, dentro do ámbito literario e cultural, que teñan como obxecto a difusión e promoción do idioma galego.

A SÉ

A localización da sé é o primeiro andar da casa das Beiras, situada na vila de Muxía. Esta é unha casa tradicional galega construída en pedra e madeira e restaurada recentemente.

A casa ten baixo e primeiro andar e presenta unha estrutura en estancias que permitiría unha disposición para ter un pequeno museo literario diferenciado doutras zonas da casa.

O lugar onde se encontra a casa é a rúa Virxe da Barca, xunto á Biblioteca Municipal. É esta unha zona de moito tránsito precisamente por estar no camiño cara ao Santuario da Virxe da Barca e moi preto da zona portuaria.

  • Enderezo postal:
    Fundación Gonzalo López Abente.
    R/ Virxe da Barca, 49.
    Casa das Beiras 15124 Muxía (A Coruña).
  • Enderezo electrónico: lopezabente@gmail.com.