Nado o 24 de marzo de 1878 en Muxía, único fillo varón de seis irmáns. O seu pai, don Francisco López García, era un rico armador, capitán da mariña mercante . A nai, dona Xulia Abente Lago, era filla do médico laxense don Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal Abente.

            Marchou a estudar o bacharelato a Santiago aos nove anos. En 1893 comeza na Universidade de Santiago de Compostela a carreira de Dereito rematándoa con 22 anos, no ano 1900.

            Volverá para Muxía onde exercerá de xerente do Banco Pastor e de xuíz de paz.

            Nunha viaxe do seu tío Vitorino Abente Lago namorarase da súa curmá Balbina Abente Myszovski coa que casará en 1909, pero o idilio rematará traxicamente ao morrer Balbina de parto xunto ao bebé en 1910.

            O amor á lingua galega, presente na familia Abente, onde Eduardo Pondal é o modelo a seguir. A súa obra será practicamente monolingüe na lingua propia de Galicia.

            Aos poucos anos da morte da súa esposa publicará Escumas da ribeira como homenaxe ao seu tráxico amor.

            Cando en 1916 nacen as Irmandades da Fala o poeta estará na súa fundación. Con entusiasmo galeguista publicará Alento da raza en 1917 e asinará o Manifesto Nacionalista de 1918. Escribirá no xornal A Nosa Terra e colaborará nas actividades que propoñen as Irmandades para a dignificación da lingua galega. Fomentar a prosa: O deputado por Beiramar (1919), O Escándalo (1920), O novo xuez (1922) , Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929); o teatro: María Rosa (1921), representada na Coruña ese mesmo ano. Formará parte do Seminario de Estudos Galegos (1926). En 1936, antes da guerra, será elixido presidente da Asociación de Escritores Galegos e dará mitins polo Estatuto de Autonomía.

            En 1937 será cesado no Banco Pastor polo seu compromiso galeguista e republicano. Vivirá das rendas familiares entre Muxía e a Coruña onde tiña amigos e familiares. Segue colaborando coa prensa da emigración americana.

            En 1941 le o discurso de ingreso na RAG, “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”, no Paraninfo da Universidade de Santiago.

            Ao rexurdir as actividades culturais en Galicia, publica o poemario Centileos nas ondas (1958) na editorial Galaxia.

            Morre o 23 de xullo de 1963. Aparecerá Decrúa (1966) como homenaxe póstumo dos galeguistas en América á súa poesía.

            A RAG dedicará o Día das Letras Galegas de 1971 ao noso autor. Editarase o libro de poemas inédito Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca e farase a reedición da noveliña curta O novo xuez. Na entrada de Muxía levantaráselle unha estatua en seu honor.