A fouce

 

Fouce lucente en lóstregos bermellos,

bermellos como o sangue das túas víctimas,

¿que segador xigante te manexa?

¿Que segador de vidas

tenche de cote, amenazante e torva,

sobre as nosas cabezas suspendida?

...............................

 

A carón do meu peito

refungando pasaches aquel día,

e do arbre en que frolecen meus amores

arrincaches a ponla máis querida,

a ponla na que as froles máis sinxelas

perfumaban de cote a ialma miña.

¿Que viñeches facer hoxe de novo,

fouce famenta das humanas ditas...?

Fungaches, como fungan

as pezoñentas víboras,

e outra ponla arrincaches do meu peito...

Dime, fouce maldita,

¿que segador funesto te manexa,

que as froles todas do meu peito arrincas?

Se te gozas coas bágoas dos meus ollos,

fire sin compasión, fouce cativa;

dun golpe fende o tronco do meu arbre,

e o sangue que me salla da ferida

¡no aceiro relucente da túa folla

unha eterna blasfemia deixe escrita!