DESTERRADO
Ao meu curmán
Horacio Bermúdez Abente.
—Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.
Chove e venta, e os camiños
están enzarrapicados;
laia a nuite, aterecida
na friaxe dos chubascos;
no seo dos arboredos
ecoan voces de espanto.
Pero o anceio, firente
como un coitelo afiado,
esgaza e fura no peito
do doente desterrado:
—Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.
Olla no fondo da ialma
o curruncho en que foi nado
ofrecendo doce acougo
no lentor do seu regazo;
unha igrexa pequeneira,
un homilde camposanto
e o rogo que marmulea
a corrente dun regato:
—Teño de morrer, levaime
onde amei e fun amado.