MUXÍA

 

Brandamente deitada no medio da ribeira

e ollando cara o ceo, acouga silenciosa

a branca e melancónica e doce compañeira

dos outos penedás da brava costa nosa.

 

Tecelana de ensoños, fabrica na almohada

as randas milenarias dos albos areales

que treman milagreiros, na mañán encalmada,

nos refrexos azús dos mariños cristales.

 

E nos días de inverno, cando a fera tormenta

desatada en furores enrabexada alenta,

envolta no mantelo de vaporosa bruma

 

satisfeita sorríe e soña adormecida

no leito mol e morno que a iauga remexida

ofrécelle con tombos e folerpas de escuma.