O Castro

 

Enriba dun outeiro, coma unha verde croa,

ergues a redondez do teu poider barudo,

e na noite fechada dentro de ti resoa

o rumor belicoso dun exército rudo.

 

Inda parez que gardas seguras esperanzas,

pra os tranquilos labregos que están ás túas veiras,

de que has de defendere, cos picos das túas lanzas,

as cosechas amabres das fecundadas leiras.

 

Inda vibra a túa ialma co fragor do combate,

e con guerreiro ardore o teu corazón bate.

Es o espírito forte que eternamente vela

 

sobre do chan gallego que dorme confiado,

o loitadore de ánimo valente e esforzado

que coas armas ao lombo está de centinela.