Remorso

 

Doce pomba,

pomba branca;

anda un corvo negro, negro,

peteirando na miña alma

dende aquela tarde leda que antre bicos

te quedaches nos meus brazos fría e pálida.

Ti chegaches relucente,

como chegan as raiolas da alborada

despertando

nas montañas

os paxaros que se dormen

na enramada.

Coas raiolas dos teus ollos

despertaron miñas ansias.

Ti chegaches; aperteite contra o peito,

e acheguei á túa cara

os meus labios

que abrasaban.

Na túa boca fun bebendo

todo o néctar feiticeiro que encerrabas,

e no cárcere amoroso dos meus brazos

para sempre te quedaches fría e pálida...

...............................

 

Doce pomba,

pomba branca,

¡dende entonces anda un corvo negro, negro,

peteirando na miña alma!